Saturday 18 de May de 2024

O BNG de Oleiros solicitará novamente ao Concello, no pleno ordinario de decembro, apoio municipal decidido a sector do comercio local coincidindo coas datas festivas e o posterior período de rebaixas


Ivan Roca concelleiro do BNG: “Somos conscientes de que é preciso establecer políticas locais de promoción do comercio. As nosas propostas son posíbeis, viábeis, e dependerían só dunha vontade clara das autoridades municipais para poñelas en práctica. Porén nos orzamentos do 2024 adícase a esta política un total de cero euros”

Oleiros, 19 de decembro de 2023 O BNG demandou en varias ocasións, e continuará a facelo, un apoio municipal decidido a este sector, fundamental desde moitos puntos de vista (como creación e fixación de emprego, transporte, consumo responsábel ou medio ambiente). Nestas datas nas que se produce un aumento do consumo, consideramos que sería moi axeitado que o Concello de Oleiros fixese algunha campaña, ao xeito doutros concellos de tamaño ou características semellantes, mesmo na nosa propia comarca, tanto de tipo divulgativo, con incentivos económicos e mesmo formativo. No BNG de Oleiros estamos dispostas a achegar ideas nesta liña

Preguntaremos pois ao se Concello ten previsto facer algunha actividade de promoción do comercio local, especialmente para o Nadal e o período de rebaixas.

 

Ademais, o noso portavoz municipal fará varias preguntas sobre temas que afectan á cidadanía:

Apertura da auga nas duchas e fontes dos areais oleirenses

As praias oleirenses son utilizadas durante todo o ano pola cidadanía, destaca entre todas o areal de Bastiagueiro a onde acoden deportistas de toda a comarca a practicar surf e demais deportes acuáticos, fútbol praia, etc. A auga nunca sobra e sempre cómpre utilizala con sentido común, porén na actualidade non existe ningunha restrición e pode ser utilizada con normalidade. Porén as duchas dos areais do Concello non traballan, sendo indispensábeis após a práctica deportiva e demais usos.

Pediremos pois ao Concello que habilite o servizo de duchas do Concello para que funcione con normalidade.

O pleno de decembro terá lugar no medio das festas do Nadal ao contrario que outros anos

 En anos anteriores o pleno ordinario de decembro “sacábase” do período festivo temporal chamado Nadal. Por suposto que o grupo do BNG non ten problema algún por acudir neste período ou calquera outro, firmes defensores da necesaria, e até o de agora incompleta, aconfesionalidade absoluta do Estado. Mais é certo que o propio pleno e a súa relevancia fican diluída pola súa incardinación nun período tan festeiro, mais concretamente no chamado día dos Santos Inocentes na cultura española, que se correspondería co 1 de abril na cultura galega.

Preguntaremos ao Concello a  que se debe este cambio de rumbo con respecto a anos anteriores.

 

Nova senda Naval-Canide

A faixa de costa (Naval-Canide) á cal vai afectar a construción das novas sendas descorre por zonas merecedoras da maior das proteccións. Esta zona, e malia estar entre dous núcleos moi poboados e cunha alta densidade de poboación mantense nun estado máis que aceitábel de conservación. Xa existen camiños e sendas tradicionais por onde pasean as veciñas. Polo que ideal é obrigado será cinguirnos exclusivamente a eses chamemos camiños tradicionais e previos, cun criterio claro de preservación dados os seus enormes valores, en moitos dos casos equiparábeis á Costa de Dexo e merecedora dunha similar protección. Débese actuar con sumo coidado e atendendo ao principio de intervención mínima, actuando contra construcións ilegais, mellorando os camiños e o patrimonio existentes como fontes, mais sen provocar unha pegada insostíbel cos valores da zona que debe seguir sendo unha zona exclusivamente NATURAL, non urbana. Non cómpren nin fortes investimentos nin agresividades absolutamente prescindíbeis, esta zona non pode ser tratada con criterios aplicábeis a un parque máis, cunha zona de grellas e demais elementos “recreativos” existentes noutros lugares máis acaídos para elo.

Pediremos ao Concello que teña en conta todas estas incidencias á hora hora de determinar esta nova senda

Novo proxecto de gasolineira, low cost e sen empregados, pegada ao Rego de Pedro

Publicouse recentemente a intención dunha cadea de gasolineiras de baixo custe de establecer unha destas gasolineiras en Iñás, perto da NVI, á altura dun coñecido hipermercado de xardinaría na avenida das Mariñas. Pola descrición achamos que este proxecto localizaríase a escasos 28 metros do Rego de San Pedro, perto de onde vai discorrer o chamado Paseo do Rego que xa se está a realizar. A gasolineira sería de autoservizo, polo tanto non crearía ningún  posto de traballo . Segundo estudos da Xunta da Galiza

Preguntaremos ao Concello a súa opinión sobre este novo proxecto da enésima gasolineira no Concello.